A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público demándalle ao conselleiro de Educación que o Goberno galego exixa a retirada da LOMCE



Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentaron este xoves 30 de maio un escrito dirixido ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, no que se insta ao Goberno galego a solicitar a retirada da LOMCE, tal como están facendo os gobernos doutros territorios do Estado que igual que o galego vén atacadas e invadidas as súas competencias en materia educativa e perseguidos os seus idiomas propios.


Ante a gravidade do que suporía a aprobación desta lei para o ensino público galego, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público advírtelle ao conselleiro que só caben dúas alternativas, “ou vostede se pon á fronte do clamor popular en contra da LOMCE, exixindo a súa retirada, tal e como lle corresponde, ou ben debe abandonar o seu cargo por actuar en nome do PP e non ao servizo do ensino público galego”.