A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público incinerou a LOMCE e entregoulle as cinzas ao conselleiro de Educación

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público realizou este mércores 18 de decembro un acto simbólico na Consellería de Educación no que queimou a LOMCE. Posteriormente, representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entregáronlle ás cinzas no Rexistro da Xunta dirixidas ao conselleiro e acompañadas dun escrito no que se denunciaba a súa actitude no proceso de aprobación da LOMCE.

Neste acto, Anxo Louzao, da Plataforma, dixo que, malia estar aprobada a LOMCE, a Plataforma ten o compromiso de continuar loitando e combaténdoa xa que supón en boa parte a destrución do ensino como servizo público. Con esta incineración “simbolizamos que estamos ante unha lei que non ten percorrido que se vai esfumar”. “Non é o final da pelexa contra a LOMCE -afirmou tamén Fernando Lacaci- outro dos integrantes da Plataforma. Non ten futuro e agora toca avogar pola súa desaparición”. 

No acto participaron representantes das diferentes integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes, Agir, BNG, Galiza Nova, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Federación ANPA Ponteareas (FANPO). 

Reproducimos de seguido o escrito enviado ao conselleiro de Educación

Debe saber que a aprobación da LOMCE coa súa publicación no BOE non vai impedir que continuemos a combatela con todas as nosas forzas para facela inviábel e inservíbel para o ensino galego. Desde o primeiro anteproxecto até a súa aprobación definitiva, vostede amosouse como un entusiasta defensor e propagador desta lei que impide un ensino en galego, democrático, equitativo e inclusivo. Trátase dunha lei que afonda no centralismo, invadindo competencias; que procura un ensino profundamente selectivo e clasista, mediante a segregación, as reválidas e os itinerarios educativos. Deseña un sistema educativo ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da Conferencia Episcopal, reforzando a súa privatización e confesionalidade, e desbota a xestión democrática dos centros. Por este motivo, hoxe, despois de incinerar a LOMCE, facémoslle entrega das súas cinzas, simbolizando así o noso firme propósito de que se esfume o máis axiña posíbel. Seguro que vostede agradecerá ter un recordo de algo que tanto quixo e procurou, mais nós temos o convencemento de que a LOMCE será borrada para sempre. Nese empeño está a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Santiago 18 de decembro de 2013