A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público mobilízase baixo o lema “Nin LOMCE, nin reválidas”

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentráronse esta mañá diante da consellaría de Educación para demandar a paralización e derrogación da LOMCE e das reválidas. Unhas probas que xa se celebraron o curso pasado en terceiro de Primaria –cunha insubmisión de máis do 50% das familias-, que este ano pretenden estenderse a sexto e que “nin benefician o alumnado, nin favorecen o proceso de aprendizaxe”.
“Como Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público non imos estar dispostos a que a consellaría impoña os seus postulados ideolóxicos en contra da maioría da comunidade escolar. O ano pasado máis do 50% das familias non levaron as nenas e nenos a facer a reválida de terceiro e aínda así Educación segue obstinada en celebralas”.
Así se pronunciaba, como portavoz da Plataforma, Anxo Louzao, quen ademais alertou de que lonxe de aportar nada ao proceso de aprendizaxe, estas probas “van supor segregar ao alumnado, crear un ranquin de centros e que se estea afondando máis nun ensino elitista e clasista que vai provocar unha maior diferenciación atendendo ao rendemento escolar en certas materias e marxinando outras competencias que son fundamentais para a formación integral do alumnado”.

Sobre a elaboración dun ranquin de centros a partir dos resultados desta proba, que puxo en cuestión o Director Xeral da consellaría, Louzao asegurou que se non se chega a facer “será pola presión social”.

De feito lembrou que o proxecto de Orde di que a comunidade escolar “vai coñecer os resultados dese centro”. Polo tanto, “do momento no que son públicos, vaise valorar cal centro obtivo mellores resultados e cal peores”.

Xunto a isto cuestionou a explicación do representante da consellaría que xustificou ese baremo dos centros en función das cualificacións do alumnado, como unha medida para saber que centros precisan máis dotación de medios e reforzo de profesorado.  “É pura propaganda” denunciou, “non é necesario facer unha proba para avaliar as necesidades e carencias que teñen os centros cando o sabe sobradamente o profesorado e a comunidade educativa no seu conxunto”, afirmou.

Chamamento á insubmisión

Segundo denunciou no decurso da concentración, as reválidas, para as que a consellaría xa presentou un borrador segundo o que se prevé a súa celebración nos días 11, 12 e 13 de maio e 24 e 25 de maio, poñen ademais en cuestión a avaliación continua e desautorizan o traballo diario do profesorado. Por iso exixiu, en nome da Plataforma, a súa paralización e fixo un chamamento a nais e pais a que non leven aos centros, tampouco este ano, ás nenas e nenos o día en que teñan lugar as probas.

Neste sentido subliñou que “non van ter ningunha consecuencia nin do punto de vista académico, nin da aprendizaxe”. Con todo considerou que o lóxico sería que “se impuxera a sensatez por parte da consellaría e que o que é un borrador, neste momento, desapareza e non teña traslado ao DOG”.

A este respecto Fernando Lacaci, Presidente da ANPAS de Compostela, engadiu que se algunha consecuencia negativa ten a insubmisión ás reválidas é para o alumnado “polo estrés ao que o someten”.

En todo caso entendeu os problemas de conciliación que provocará non levar ás nenas e nenos aos centros ese día para as familias. “Non podemos dicirlle á xente que non vaia a traballar e poña en risco o seu posto de traballo, pero si podemos dicirlle que intente conciliar como concilia no verán ou en calquera dos 190 días que non hai clases”.